Presentación do centro

O Conservatorio Elemental e Escola Municipal de Música de Cambados é un servizo de titularidade pública, que ten como finalidade ofertar a tódolos usuarios e usuarias do concello e do seu entorno, a posibilidade de recibir formación musical especializada baixo calquera das posibilidades propias destes centros. Ademais, tanto o Conservatorio como a Escola, actúan como dinamizadores da vida musical e cultural do concello, mediante a programación e realización de actividades como concertos, actividades didácticas e formativas, etc. Igualmente, promoven a colaboración con outras institucións culturais e musicais do entorno, e en xeral con calquera actividade que redunde nunha mellora da oferta educativa, de lecer e social.
conservatorioA sede do Conservatorio e Escola é o edificio de A Xuventude, donde se dispón do aulario para a impartición das diferentes materias e actividades, oficiñas de xestión e un Auditorio no que teñen lugar os principais concertos e actos académicos.
A oferta de dúas modalidades de ensinanza  musical, o Conservatorio e a Escola, permite unha maior e mellor adaptación ás demandas dos usuarios e usuarias. No Conservatorio podense cursar os catro cursos das ensinanzas regradas de música no seu grao elemental, seguindo o plan de estudos oficial que rexe para toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Pola súa parte, a Escola de Música, ao non ser ensinanzas regradas, permite aos usuarios e usuarias acceder a unha ampla oferta de ensinanzas instrumentais e non instrumentais en condicións máis flexibles, tanto no que se refire ás condicións de acceso e idade, como no programa de estudo a seguir. Tanto o Conservatorio como a Escola contan co persoal docente e de servizos propio das súas funcións, e están inscritas nos correspondentes rexistros oficiais.
Nesta páxina web poderás acceder a información sobre especialidades ofertadas, horarios, cadros de persoal e outros aspectos da organización. Pero a páxina pretende ademais ser un portal dinámico, no que se reflexe a intensa vida académica e cultural do Conservatorio e Escola: concertos e audicións de alumnado, actividades de promoción e difusión das ensinanzas, actividades formativas, etc. En definitiva, un instrumento ao servizo de toda a comunidade educativa, e unha invitación permanente e aberta para todos e todas, á participación das súas actividades.