Prazas e procedementos de acceso ao CONSERVATORIO ELEMENTAL DE MÚSICA

O acceso ás ensinanzas regradas de grao elemental de música está regulado mediante normativa da Consellería competente en materia de Educación para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
Acceso ao 1º curso do grao elemental

Antes do 30 de abril, o Conservatorio fai pública a oferta mínima de prazas vacantes a cubrir para o acceso ao 1º curso do grao elemental, para o curso académico seguinte. Esta oferta realizarase tendo en conta as dispoñibilidades de recursos e o equilibrio xeral da distribución das prazas entre as diferentes especialidades, podendo ser ampliada en función de modificacións destas variables.

Na segunda quincena do mes de maio realizarase a inscrición para a realización das probas de acceso ao 1º curso do grao elemental. A idade dos candidatos/as estará entre os 8 e os 14 anos (cumpridos ou a cumprir no ano natural). Igualmente na segunda quincena do mes de maio o Conservatorio fará pública a lista de admitidos/as xunto con toda a información referida a este proceso: calendario das probas, estrutura das mesmas, criterios de cualificación, tribunais, etc.

As probas de acceso ao 1º curso do grao elemental desenvólvense na segunda quincena de xuño. Os candidatos/as que superen a proba de acceso ordenaranse pola nota obtida na proba de acceso.

Os candidatos/as que superen a proba de acceso e obteñan praza na especialidade solicitada, deberán matricularse nos prazos establecidos.

Os candidatos/as que superen a proba de acceso e non obteñan praza na especialidade solicitada, conformarán unha lista de agarda. No mes de setembro, rematados os accesos a outros cursos e a matrícula extraordinaria, procederase ao chamamento das listas de agardas ata cubrir toda a oferta posible. Os candidatos/as que non fosen chamados das listas de agarda, poderá optar a prazas vacantes doutras especialidades.

Acceso a 2º, 3º e 4º cursos de grao elemental
Os candidatos/as ao acceso a outros cursos do grao elemental distintos do 1º, deberán solicitar praza no mes de xuño, para o curso seguinte, indicando o curso e especialidade solicitada.O Conservatorio fará pública nos primeiros 7 días do mes de xullo, a oferta de prazas a outros cursos do grao elemental distintos do 1º, e o comunicará aos solicitantes para que procedan á correspondente inscrición. No mesmo acto farase pública toda a información referida a este proceso: calendario das probas, estrutura das mesmas, criterios de cualificación, listado de obras orientativas, tribunais, etc.

Os candidatos/as que superen a proba de acceso e obteñan praza, deberán matricularse nos prazos establecidos.

Os candidatos/as que superen a proba de acceso e non obteñan praza, conformarán unha lista de agarda. Ao longo do mes de setembro, rematados os accesos a outros cursos e a matrícula extraordinaria, procederase ao chamamento das listas de agardas ata cubrir toda a oferta posible.

Matrícula Viva. Poderá solicitarse a matrícula por traslado de centro, procedente doutro centro (matrícula viva). A solicitude podera realizarse en calquera momento, preferentemente na primeira quincena do mes de setembro do curso correspondente. A aceptación da matrícula estará condicionada á presentación da documentación que acredite a necesidade do traslado (razón laborais, familiares, etc.) e á existencia de prazas dispoñibles no Conservatorio.