MODESTA PADÍN DOMÍNGUEZ

Saxofón, Música e Movemento, Coro e L.M. ESMU (adultos)

modesta_imagen1Natural de Castrelo (Cambados), comeza a estudar solfexo aos 14 anos de idade da man do seu pai José Padín Vidal e do seu tio Angel, netos de Manuel Padín Sotelo, fundador da Banda de Música de Castrelo. Aos 15 anos entra a formar parte da mesma, sendo a primeira muller, e a Banda será parte da súa vida ata o día de hoxe.

Comeza a súa formación regrada no Conservatorio Profesional de Pontevedra e continúaa no Conservatorio Superior de Vigo co mestre Celso Otero Covelo, acadando a titulación de licenciada en saxofón no ano 2001.

Asiste a Cursos de Saxofón e Master Class con reputados profesores como: Jean Pennings, Claude Delangle, Narciso Pillo, Antonio Felipe, F. Javier Rodríguez, Cuarteto Austral, etc.

Na súa andaina musical colabora coa Banda de Música de Vilagarcía e forma parte das orquestras: Nacional VI, Angel Israel, Sonora, Chicos del Jazz, Poceiro Big Band e Crazzy Cray Big Band.

Amplía a súa formación musical e pedagóxica realizando cursos en outras disciplinas como: “Curso intensivo de Psicomotricidade”, “Seminario teórico práctico sobre Deficiencias e Discapacidades”, “Terapia Psicomotriz”, “Seminario sobre a orixe do grafismo”, “Seminario sobre o dibuxo con trazado circular”, cursos de teatro, …, entre outros.

Dende o ano 1991 ata o 2002 imparte aulas de Educación Musical en actividades extraescolares nos colexios públicos de Vilagarcía como: Vagalume, A Escardia, Arealonga, O Piñeiriño e A Lomba.

Dende o 2012 dirixe a Coral Polifónica de Vilaxoán.

Dende o ano 2002 ata a actualidade é profesora de Saxofón, Linguaxe Musical, Música e Movemento e Coro no CMUS e ESMU Municipais de Cambados.